Monday 29 de April de 2024

Apertura do prazo de inscrición aos campamentos de verán de Cabanas


O prazo de inscrición estará aberto entre o 29 de maio e o 4 de xuño para as persoas empadroadas ou matriculadas no CEIP Eladia Mariño

O Concello de Cabanas informa da posta en marcha da ludoteca Cabanas Concilia e do campamento deportivo, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto no apeadoiro do Areal e no pavillón do CEIP Eladia Mariño, respectivamente.

Na ludoteca Cabanas Concilia, destinada a nenas e nenos nados desde o ano 2011 a 2019, levaranse a cabo actividades como obradoiros creativos, xogos populares e actividades de natureza. Todas as actividades terán un enfoque socioeducativo, con perspectiva de xénero e serán promotoras do botrato.

No campamento deportivo, orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos, desenvolveranse actividades para iniciarse na práctica deportiva de forma lúdica e promocionar un estilo de vida saudábel, incluíndo xogos acuáticos, baloncesto, bádminton, voleibol, hóckey, béisbol, fútbol ou balonmán.

As inscricións a estes campamentos poderán ser quincenais ou de carácter mensual, cuns prezos de 40 e 65 euros, respectivamente. As prazas asignaranse por orde de inscrición, e darase prioridade ás persoas empadroadas no Concello de Cabanas en primeiro lugar, e tamén, as persoas con matrícula no CEIP Eladia Mariño.

A solicitude de praza farase no Rexistro Municipal, presencial ou telematicamente, entre os días 29 de maio e 4 de xuño para as persoas empadroadas e/ou matriculadas no CEIP Eladia Mariño, e entre os días 5 e 11 de xuño, para as non empadroadas. Deberase incluír ademais a seguinte documentación:

Solicitude cuberta.
Copia do DNI da persoa solicitante.
Copia do DNI ou partida de nacemento da nena ou neno participante.
Copia da tarxeta sanitaria da nena ou neno participante.
Xustificante de matricula do CEIP Eladia Mariño en caso de non ter
empadroamento no Concello.

As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao 981 495 959, na extensión 6 ou 2 para o campamento urbano Cabanas Concilia, na extensión 3 para o campamento deportivo.